ASPAMITE                                              

Asociación de pais de persoas con discapacidade de TEO

Que é ASPAMITE    

       É a Asociación de Pais de Persoas con discapacidade intelectual do concello de Teo que foi formada para mellorar as condicións de vida das persoas afectadas por algunha discapacidade deste Concello. Actualmente atende a 14 persoas no Centro Ocupacional e a 10 personas no Centro de Día. 

       Ten o seu domicilio social en Travesía das Galanas, 71 – Calo - CP 15886 Teo (A Coruña), nun local que é propiedade do concello e o seu  número da tarxeta de identificación fiscal é G/15513641.

        Os seus Estatutos  foron visados por primeira vez, segundo establecía o artigo 3.5 da Lei 191/1964 de decembro, das Asociacións e incorporados ao Rexistro Provincial de Asociacións, con data 17 de marzo de 1995.

       Posteriormente, fixéronse as modificacións e adaptacións dos Estatutos iniciais ós termos establecidos pola norma legal. Estas modificacións figuran inscritas na Consellería de Xustiza da Xunta de Galicia co nº 3911/1ª con data 15 de febreiro do 2005.

       Esta asociación está rexistrada na Consellería da Vicepresidencia e do Benestar Social da Xunta de Galicia co número S-863 e está recoñecida como entidade de carácter social dende o 25 de xaneiro de 2005. Está inscrita no censo de Asociacións e Entidades culturais e deportivas do Concello de Teo con data 2 de novembro de 2001. Tamén foi declarada Entidade de Utilidade Pública segundo a Orde Ministerial 3014/2008 do 30 de setembro.

      Aspamite xorde como unha iniciativa dun grupo de pais e de profesionais do concello de Teo que vían con preocupación o  futuro das persoas con discapacidade unha vez que rematan a escolaridade obrigatoria porque non había ningún organismo que se fixera cargo da súa atención e moitas das familias non dispoñían de tempo nin de medios económicos para envialos a centros doutras localidades.

       Estas carencias obrigan a un confinamento no seu medio familiar limitándoselles notablemente a posibilidade de aprender cousas novas e de participar en actividades que posibiliten  as relacións cos demáis e a súa integración na sociedade na que viven.

       O ámbito de actuación da asociación, empezou sendo soamente o término territorial do Concello de Teo pero na actualidade, atendemos tamén a discapacitados dos concellos de Santiago de Compostela, da Estrada, Boqueixón, Brión e Rois.

 

OBXECTIVOS E FINS DE ASPAMITE

 

1.- Facilitar a integración socio-laboral das persoas con discapacidade.

 2.- Facilitar o desenvolvemento persoal e social, proporcionando unha atención habilitadora integral, mediante programas de habilitación ocupacional e de axuste persoal e social para que poidan levar unha vida máis autónoma.

 3.- Promover o uso de recursos comunitarios, orientados á normalización, contribuíndo a través da formación e da ocupación, a unha maior participación na vida social.

 4.- Desenvolver a autoestima e favorecer un estado psico-afectivo adecuado.

 5.- Favorecer o disfrute do maior nivel de saúde posible, a través da  aprendizaxe de hábitos de coidado de sí mesmos, así como a incorporación de condutas sanas e a evitación de riscos.

 6.- Proporcionar asesoramento e apoio ás familias.

 7.- Procurar que os usuarios cheguen ás mais altas cotas de vida autónoma, estimulando a capacidade social mediante a adquisición de habilidades para as relacións interpersoais en entornos tan normalizados como sexa posible.

 8.- Procurar o desenvolvemento de habilidades relacionadas coa formación ocupacional e laboral, co obxecto de favorecer o acceso a outros recursos de formación e/ou emprego que faciliten a súa integración laboral.

 9.- Ofrecer atención mediante apoios orientados a manter e desenvolver as facultades para todas as áreas de habilidades adaptativas e de desenvolvemento persoal.

 10.- Manter á persoa con discapacidade no seu medio habitual de vida, evitando no posible a súa institucionalización.